WordPress é para todos: expertos e principiantes, empresas e particulares, amantes da tecnoloxía e humanistas, vellos amigos da comunidade e recén chegados, gurús e estudantes… todos son benvidos á PonteWordCamp, que por segundo ano consecutivo mantén o seu idilio coa Universidade de Vigo.
Esta WordCamp non tería existido sen a axuda da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, que xusto este curso está de aniversario. Os actos polo seu cuarto de século concentraránse do 7 ao 11 de outubro. E, un pouquechiño antes, abrirá as súas portas para dar acubillo á segunda edición da WordCamp Pontevedra.
O decano da facultade, Xosé Baamonde, cóntanos que significa o festexo da WordCamp para a comunidade universitaria de Pontevedra.
Que che gustaría que os asistentes á PonteWordCamp coñeceran sobre vós, como entidade educativa?
A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación cumpre 25 anos, polo que a PonteWordCamp é coma un prólogo do noso 25 Aniversario. O noso centro está consolidado como un espazo de formación de comunicadores polivalentes e un referente no sector das tecnoloxías da comunicación, polo que este evento encaixa perfectamente coa nosa filosofía. En concreto, co noso Máster en Comunicación en Medios Sociais e Creación de Contidos Dixitais.
Que supón WordPress para a Universidade?
Supón un achegamento á realidade e ás demandas da sociedade actual. A Universidade non só debe ofrercer a formación académica e profesional senón colaborar con actividades complementarias para a capacitación do alumnado en competencias que precisasn para o acceso ao mundo laboral.
A nivel persoal, que cres que che aportará este evento? Algunha charla en especial? Contactos? Comunidade? O polbo da after party?
A verdade é que estou moi ilusionado co evento porque, por razóns persoais, non puiden asistir á convocatoria do ano pasado, e teño moitas gañas de aprender e coñecer xente «friki» 😉 Por suposto as actividades de ocio e papatoria tamén serán aproveitadas.