Como asistir á WordCamp Pontevedra?

A WordCamp Pontevedra celebrarase na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, no Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo.

Mapa

Campus Universitario da Xunqueira, s/n
36005 – Pontevedra

Como chegar?

Se xa estás en Pontevedra, a mellor maneira de chegar á WordCamp é andando. Estás nunha cidade pequena pensada para o peón, e dende o centro, non che vai levar máis de 15 minutos de paseo cruzando a Ponte de Santiago.

Para que te fagas unha idea da cidade, aquí debaixo deixamos un par de mapas.

O primeiro, cos puntos máis relevantes: as dúas estacións, a facultade na que será a WordCamp, a Peregrina, como punto de referencia na cidade, e a zona do casco vello, onde será a after party do sábado e onde poderás comer sen medo a equivocarte.

E o segundo, un mapa creado polo Concello de Pontevedra, que reflicte o tempo que se tarda en chegar dende unhas partes da cidade a outras… camiñando. Si, é coma un mapa de metro pero para peons!

Se vés no teu propio vehículo, na zona da Universidade hai aparcamento de sobra para deixar o coche. Non será ningún problema.

Como chegar a Pontevedra?

E se a túa dúbida é máis ben cómo chegar a Pontevedra, bótalle un ollo á seguinte información.

POR ESTRADA

Pontevedra está comunicada pola Autopista do Atlántico (AP-9) que vertebra a Galicia costeIra de norte a sur pasando polas cidades máis importantes da comunidade.

Desde Portugal, a A3 conecta cidades portuguesas como Lisboa, Braga ou Oporto coa AP-9 que chega a Pontevedra.

A autovía das Rías Baixas (A-52) comunica a cidade coa meseta central e Madrid.

EN AVIÓN

Os dous aeroportos máis preto son o Aeroporto de Vigo (VGO) (a 9 km de Vigo e a 28 km de Pontevedra) e o Aeroporto de Santiago de Compostela (SCQ) (a 10 km de Santiago e 64 km de Pontevedra).

Ambos teñen conexión coas principais cidades do país a diario. Despois, podes coller o coche para chegar rápidamente a Pontevedra, ou utilizar o autobús urbano, que leva directamente á estación de tren correspondente, y desprazarte en tren ata Pontevedra (uns 20 minutos desde Vigo e uns 35 minutos desde Santiago).

EN TREN

Na web de Renfe podes consultar as conexións directas que existen en tren ata Pontevedra. Hai varias rutas diarias desde Madrid e conexións desde Alicante e outras cidades do sur e este de España. Ademais, tes trens cada hora, que conectan o Eixo Atlántico entre Vigo e A Coruña pasando por Pontevedra, Vilagarcía de Arousa e Santiago de Compostela.

A viaxe desde Madrid dura entre 6 e 7 horas, pero é unha boa opción se precisas traballar ou descansar de camiño á WordCamp!

EN AUTOBÚS

Vir en autobús, non vos imos enganar, é unha alternativa para valentes. Desde Galicia non supón maior problema e na web de Monbus atoparás moitas opcións para chegar ata aquí.

Se fas a viaxe desde a cornisa cantábrica (Asturias, Cantabria, País Vasco… ata Irún) ou desde Castilla e León, podes ver as opcións que ofrece ALSA.

E se queres vir desde Madrid ou máis abaixo, na web de Avanza atoparás os traxectos.

Queres coordinarte con outros asistentes?

Creamos un grupo de Telegram para que os asistentes podades organizar estancias, voos, compartir transporte ou o que faga falla. Se chegades ó mesmo aeroporto ou estación e queredes compartir coche. Se hai alguén de camiño que vos pode recoller, etc.

A xente da comunidade WordPress é moi aberta e colaborativa, polo que non teñas medo de unirte, aínda que non coñezas ós demais.

Se queres participar, podes unirte ó grupo aquí.


WordCamp Pontevedra 2022 is over. Check out the next edition!