Tal como vos contamos no anuncio da WordCamp de Pontevedra, este ano faremos algo especial.
E aínda que só vos narraremos unha pequena parte neste post para ir abrindo boca, temos que contarvos unha historia, para iso, imos retroceder un cantos séculos.
Marco Aurelio, o emperador filósofo de Roma e máximo expoñente do estoicismo ensínanos na súa obra meditacións:
«O que non beneficia ó enxame, tampouco beneficia á abella»
Marco Aurelio
Xa desde a época de Aristóteles, o ordenado vivir das abellas en comunidade, era unha mostra sa súa intelixencia.
Ese espírito de colaboración é unha das principais avantaxes do mundo tecnolóxico e do open source. Na súa natureza está o ser aberto e descentralizado.
Ensinar o código e colaborar para seguir crecendo, forma parte da esencia deste tipo de proxectos.
Cos cambios de paradigmas do mundo laboral e educativo das últimas décadas, temos que pasar á acción se queremos cambiar as nosas realidades.
Pero antes, imos explicar algúns termos anglosaxóns.
Do_action
A fundación WordPress ten unha tipoloxía de evento chamada: Do_action.
Trátase de hackathones que se celebran en todo o mundo, onde se crean webs para asociacións sen ánimo de lucro.
Este evento cumpre dous obxectivos:
- Ensinar ás persoas inscritas a crear páxinas webs con WordPress ou incluso mellorar como profesional, se xa te adicas a iso.
- Regalar a distintas asociacións unha páxina web. Isto axudaralles nas súas accións ó ter unha mellor presenza dixital.
As asociacións benefícianse dun instrumento esencial no século XXI, xa que as redes sociais poden estar ben polo seu uso masivo, para dar a coñecer ideas e proxectos, pero non deixan de ser xardíns con verxas.
Ti non pos as regras, outros fanno por ti.
En España os do_action non son aínda moi coñecidos.
A finais de maio deste ano, o grupo de Griñón en Madrid, celebrará un destes eventos. Así que, se estás preto, podes inscribirte e formar parte.
África e Pontevedra
Non me estou a referir ó continente.
Estou a falar de alguén moi concreto: África Rodríguez, fundadora de Espacio Arroelo o sitio que viu nacer o grupo de WordPress Pontevedra fai 6 anos (o 18 de novembro do 2016).
Arroelo é un coworking moi especial que leva anos na nosa cidade xerando un impacto real con iniciativas sociais e de emprendemento.
Nun de eses proxectos e como resultado da pandemia, naceu Rural Hackers.
Un proxecto social que busca revitalizar a vida no mundo rural coa ensinanza da tecnoloxía, para que as persoas poidan xerar as súas propias fontes de ingresos.
O traballo en remoto álzase coma unha forma de revitalizar moitos sitios da nosa Galicia rural, que empezan a abandonarse por modelos de vida en cidades, moitas veces impulsados pola ausencia de opcións económicas.
África é unha «argalleira» profesional. Dese proxecto e das conversas con Juan Hernando, o noso fundador, nace a idea de vincular a WordCamp con Rural Hackers.
Jose Luis Losada, o nosos espírito aglutinador dos grupos galegos, leva años insistindo en crear un taller de WordPress dende cero na WC.
Así que, unindo puntos, nace esta iniciativa.
Taller de WP, Do_action ou Hackathon?
Chámao como queiras. Importa?
O relevante é aprender WordPress. E o mellor xeito de facelo é coa práctica real de crear unha web para persoas que o precisan.
Todos gañamos, coma as abellas.
John Maeda, deseñador brilante e autor de obras como: «How to speak machine», ensínanos:
«Dinme conta de que PHPno universo de WordPress significaba «People Helping People» (xente axudando áxente), dada a forma no que cada comunidade local da a benvenida a calquera que queira aprender computación, sen ataduras, nin custes para involucrarse como colaborador. No código aberto (open source), osoftware é a comunidadee non só o código»
John Maeda
Non queremos contar moitos detalles deste evento. Terás que seguirnos de preto 😉
Só podemos adiantar que teremos a un relator de luxo ensinando a crear WordPress. E que as asociacións que formarán parte desta xornada serán moi especiais.
Na próxima WordCamp Irún, que se celebra o 21 e 22 de maio, un evento moi único, ó que recomendamos asistir, unha das nosas organizadoras: Sabela Muñiz, dará unha charla titulada: Do_action hackathon? Acercar WordPress al mundo real.
Estamos seguros de que a súa historia non deixará indiferente. Tanto na súa charla, coma nos directos que realizaremos os próximos meses, iremos contando cómo será ese día tan singular.
Larga vida e prosperidade a WordPress!