Es desas persoas que fai semanas que ten marcadas os relatorios ou charlas que non quere perderse?
Quizáis xa tes máis visto o programa da PonteWordCamp que o menú do teu restaurante habitual?
Desde a organización démosche traballo, porque temos 30 relatorios e consideramos que todos son IMPRESCINDIBLES.
Tes relatores experimentados e coñecidos na Comunidade de WordPress, outros que se inician nesta WordCamp coma relatores, pero non por iso serán charlas que teñas que perderte…
Poderás optar por charlas de todo tipo a todos os niveis. Desgraciadamente, algunhas das charlas coinciden en tempo e hora, porque temos dúas salas, e non che quedará outra que escoller…
Por iso, ímosche dar uns conselliños, que poderás saltarte se así o desexas, jeje.
- Recorda que as charlas aínda que son presenciais quedarán gravadas e posteriormente, serán subidas a WordPress.tv Poderás velas despois, desde a comodidade da túa casa, non tes que andar corredor arriba e abaixo para ver TODO, TODO, TODO. Deixámosche os links ós anos anteriores do noso evento:
- O título de cada charla foi escollido polo relator. É importante para darnos unha idea de qué vai ir a charla. Pero recorda non prexulgar, pode que te fagas unha idea equivocada e perdas unha oportunidade de aprender algo novo. Na descrición da charla tes máis información para axudarche coa túa elección.
- Os niveis dos relatorios son orientativos. Desde a organización sabemos que todas as persoas poden ensinar algunha aprendizaxe a calquera. Igual algunha charla está fóra de teu ámbito, pero seguro que quitas ideas ou conceptos chaves para poder aplicar ou buscar información despois.
- Arriba ou Abaixo. As charlas divídense en dúas salas diferentes, simplemente, é por tema de espazo, non significa que se a un relator lle toca o auditorio, o seu relatorio sexa mellor… non penses iso porque non é a realidade! Agardamos que vaias alternando entre as salas segundo gustos.
- O idioma universal de todo o evento é WordPress. Hai charlas en galego, en portugués, en castelán… todas se entenderán perfectamente se prestas atención e un pouco de interese.
- É momento de facer networking. Non estamos a dicir que peches contratos mentras o relator está coa súa charla, pero si que teñas a mente aberta para coñecer a xente interesante e falar de temas comúns ou non tan comúns…
Tal vez, todo isto que che explicamos xa o sabías, e fixémosche ler moito para nada… non sexas vago, sempre ven ben refrescar certas ideas!
Agardámoste o sábado 24 de setembro ás 9h da mañá no Auditorio para que podamos darche a benvida oficial ó evento da PonteWordCamp 2022.