Mellora a túa presenza online
Es dunha asociación con algún fin benéfico ou que intente facer deste mundo un lugar mellor?
Levades anos querendo ter unha web ou mellorar a que tedes, pero non sabedes nin por ónde empezar… Pois segue lendo porque isto vaite interesar.
Probablemente non saberedes qué é unha WordCamp, un hackathon…, e WordPress, tal vez vos soe un pouco, ou non. Mais o que realmente debedes saber é que a Comunidade de WordPress caracterízase polo seu traballo colaborativo, didáctico e voluntario.
Unha Comunidade formada por grandes persoas e profesionais do mundo das webs que non dubidan en ceder os seus coñecementos e tempo dunha maneira desinteresada ante boas causas.
Buscamos asociacións como a vosa
Asociacións que axudades a persoas ou grupos desfavorecidos, que loitades contra desigualdades, ou que poñedes o voso gran de area para construír unha sociedade mellor, e así, deixar o planeta en mellores condicións.
Proxectos que non tedes unha web axeitada na que dar difusión da vosa actividade e amosar os vosos logros. Un lugar no que inspirar a outros, conseguir máis socios, colaboracións, patrocinios e oportunidades.
Sabemos que as vosas causas e obxectivos quítanvos todo o tempo que tedes. E que todos os vosos esforzos están dirixidos a actividades na vida real. Mais na actualidade, o mundo dixital acapara moitas horas da nosa vida. E unha presenza online é indispensable para que os demais saiban que existides.
Por iso, queremos axudarvos a poñer os alicerces da vosa web nun evento que celebraremos o 20 de setembro, dentro das actividades organizadas para a WordCamp Pontevedra 2024.
Se queredes participar, lede atentamente a seguinte información para saber qué debedes facer.
En que consiste o do_action hackathon?
do_action, simplemente é a forma que ten a Comunidade de WordPress para nomear a un evento no que nos reunimos para crear o sitio web dunhas organizacións sen ánimo de lucro de ámbito local nun só día.
Organízanse grupos cos participantes, un por asociación, nos que debe integrarse algún membro da asociación. E dedican todo o día a dar forma ó sitio web de cada unha delas.
Ademais, recibiredes unha formación básica sobre o manexo de WordPress para poder xestionar o voso sitio web tras o evento.
Ó final do día, teredes o voso sitio web en funcionamento, cunha hospedaxe e dominio gratis, deseñado en base ás vosas necesidades e ó traballo realizado previamente.
Que debedes facer para participar?
Se queredes participar, o único que necesitades é ter gaña e que vos involucredes en todo o proceso. E que algún membro da asociación poida acudir, presencialmente, o día do evento.
Crear unha web útil e eficaz é un proceso complexo que require de moitos profesionais e dunha boa planificación. Por iso, se sodes seleccionados deberedes comprometervos con todo o proceso para sacar o maior partido do sitio web e do esforzo dos participantes.
Fálanos da vosa asociación, de para qué necesitades unha web ou mellorala, e por qué queredes participar no do_action, no formulario de inscrición para axudarnos á hora de realizar a selección.
Unha vez sexades seleccionados…
Realizaremos unha reunión para coñecernos e saber máis cousas sobre vós e o voso proxecto. Estableceremos unha serie de tarefas que deberedes realizar para planificar a vosa web. E unhas mentorías para clarexar dúbidas ou facer un seguimento do traballo realizado.
O día do evento poderán acudir os membros da asociación que consideredes, tanto á formación sobre WordPress como ó hackathon.
E despois do evento mandarémosvos unha guía para explicarvos as características e manexo do voso novo sitio web.
Mándanos a túa candidatura!
Cubre o seguinte formulario e fainos chegar o teu interese por participar. A data límite para presentar propostas é o 30 de xuño de 2024 ás 23:59 horas.
Recibiredes unha resposta indicando se fostes ou non elixidos antes do 7 de xullo de 2024.
Para calquera dúbida, mándanos un correo a pontevedra@wordcamp.org ou cubre o fomulario na páxina de contacto.
Subscríbete ó noso blog
Entérate de todo o que estamos a facer para que este evento sexa inesquecible.