Despois de 2 anos de cancelación de eventos presenciais, volvemos con moita alegría para celebrar a WordCamp de Pontevedra.
Unha festa de WordPress que teremos do 23 ao 25 de setembro do 2022.
Onde? Na nosa querida Pontevedra, na Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo.
Que é unha WordCamp?
Un evento sen ánimo de lucro centrado en WordPress, a tecnoloxía open source que sustenta millóns de páxinas web no mundo.
Unha festa da comunidade que ten como eixo principal, dúas pistas (tracks) de charlas con moitas temáticas:
- Desenvolvemento web
- Accesibilidade
- Marketing dixital
- Posicionamento en buscadores (SEO)
- Podcasting e creación de contidos
- Negocios, tendas en liña
- E moito máis.
Este evento é posible grazas ao esforzo da Fundación WordPress e millóns de persoas que formamos parte a nivel internacional, que xunto con patrocinadores e o teu apoio, podemos facer un evento aberto, diverso e co único obxectivo de aprender, conectar con outras persoas, e como non, estamos en Galicia, pásao ben!
As WordCamps teñen unha vocación local.
Iso significa que cada cidade pode celebrala, se ten voluntarios e voluntarias, así como unha comunidade que lle apoie.
No noso caso, é especial, porque somos a WC de Pontevedra, pero en realidade temos unha vocación galega.
Moitas persoas que forman parte da organización pertencen a outras cidades: A Coruña, Lugo, Ferrolterra, Vigo, Ourense.
Na época de pandemia unimos todos os grupos para seguir coas meetups en liña e iso permitiu a primeira WC rexional de Galicia, como puidemos gozar o ano pasado.
Pero é hora de retomar a presencialidade, que xa nos fai moita falta.
Haberá algo especial?
Si. Por suposto.
O medo apoderouse de moitas facetas da nosa vida, pero é hora de mirar cara a adiante, con esperanza e recuperar o espazo que perdemos.
Manteremos a dinámica doutras edicións: sábado 24 de setembro, día forte de charlas e festa; domingo 25, día do contributor day, que xa escribiremos un post para contar de que se trata e que podemos esperar dese día.
Desde o comezo, unimos a nosa WC coa Pont-Up Store, para celebrar unha meetup especial vinculada con emprendemento, o venres 23 na Facultade de Belas Artes.
E este ano, non será a excepción.
Haberá meetup que será o resultado dun evento moi especial, un hackathon do_action.
Un taller de WordPress dende cero que permitirá ás persoas rexistradas, aprender a crear unha web e ademais, participar na creación de dúas webs para organizacións sen ánimo de lucro da nosa querida cidade.
Imos, que 3 días seguidos de WordPress. Así que ve reservando eses días no teu calendario 😉
Que obtés dunha WordCamp?
Relacións humanas.
Nunca se trata de código ou só programación, trátase dun evento que busca achegarnos, crear conexións entre todas as persoas que formamos parte deste ecosistema.
Aprender, por suposto.
Ser mellor profesional e crecer con xente que teñen os teus mesmos intereses.
Compartir empanada, polbo, un café, unha estrela. Moito networking.
Pero sobre todo… conectar con infinitas posibilidades que se crean nestes espazos.
E ademais, sérveche de escusa para afastarte do portátil por un par de días.
Síguenos en redes e iremos informando de todo.
Longa vida e prosperidade a WordPress!