Servicio de Ludoteca na WordCamp Pontevedra 2022

Asistir a conferencias e eventos é unha parte fundamental para o noso desenvolvemento profesional e persoal. Ademais de ser unha gran forma de coñecer xente e novos lugares.

Sen embargo, para algúns de nós que temos peques, saír da casa e collerte un par de días para asistir a un evento, é unha decisión difícil de tomar.

Todos sabemos que a loxística e o custe de organizar o cuidado dos nenos é unha das dificultades que temos á hora de decidir asistir a un evento. E máis aínda, cando é nunha cidade que non é a túa!

Por iso, queremos poñérvolo fácil para vir á WordCamp Pontevedra 2022. Podemos ofrecervos un servizo de ludoteca para que os vosos fillos e fillas poidan estar atendidos e entretidos mentres vós disfrutades das charlas e do networking.

Pontevedra, unha cidade ideal para vir con nenos

Os que non coñezades Pontevedra, que nos vos bote para atrás a idea de vir cos nenos.

É unha cidade pensada especialmente para as familias e para desfrutar da rúa. Pódese ir andando a todas partes. Todo queda cerquiña. E o centro está peonalizado para que os nenos e nenas se divirtan a tope nas súas prazas, xardíns e parques infantís.

Se queredes saber máis, esta guía do Concello de Pontevedra da moita información para visitar Pontevedra en familia.

En que consiste o servizo de Ludoteca?

Durante as charlas, teremos monitores profesionais (grazas á empresa Aindamáis) que prepararán xogos educativos e de animación nun espazo dentro da mesma Facultade, con mesas, cadeiras, xoguetes variados, xogos de mesa…

Non che prometemos que os nenos saian sabendo crear bloques ou instalar plugins, pero estarán entretidos e seguros, namentres ti te empapas ben de WordPress ;).

horario da ludoteca será o sábado de 9:00 da mañá ás 13:30, e de 15:00 a 18:30. O lugar será no mesmo edificio no que se celebra a WordCamp, onde os pais poderán pasarse a velos cando queiran.

Os nenos poden levar o seu almorzo ou merenda, e os monitores encargaranse de darllos. Mais o xantar, farano con seus pais.

Hai un máximo de 15 nenos e nenas que poderán gozar do servicio de ludoteca, de edades entre os 3 e os 12 anos. Así que, pedímosche encarecidamente que completes este formulario para facer a túa reserva. Non poderemos admitir a ninguén no momento sen reserva previa.

Para calquera dúbida, atópanos no email pontevedra@wordcamp.org

WordCamp Pontevedra 2022 is over. Check out the next edition!